Monday 29 de April de 2024

O Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá novas funcións de ‘La ruina’ e ‘Celebreixon’, cuxas entradas sairán á venda mañá xoves 1 de febreiro


Roberto Vilar ofrecerá un segundo pase do seu primeiro show en solitario o domingo 28 de abril; mentres que o espectáculo de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes terá unha nova función na tarde do sábado 4 de maio

O Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará do 25 de abril ao 5 de maio na Coruña, porá á venda este xoves, 1 de febreiro, as entradas das dúas novas sesións que ofrecerá cos espectáculos ‘Celebreixon’, de Roberto Vilar, e ‘La ruina’, de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes. A partir das 12.00 horas da mañá, o público poderá adquirir os seus billetes para estes novos pases a través da páxina web oficial www.emhu.es ou da plataforma en liña www.ataquilla.com.

O Goberno de Inés Rey aposta un ano máis pola cita humorística máis relevante de España tanto polo número de espectadores que reúne en cada edición (este ano xa vendeu case 17.000 entradas, superando as 15.000 de 2023) como polas múltiples funcións e producións propias que ofrece nun único evento. A expectación xerada pola cita tradúcese nunha alta demanda de pases nas súas diferentes modalidades, tanto dos abonos -esgotados os catro tipos nos primeiros días- como das entradas para moitos dos seus espectáculos.

A tres meses do seu inicio, o Encontro Mundial do Humorismo pendurou o cartel de entradas esgotadas para propostas como La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila; ou paraas dúas sesións programadas tanto de Esto no es un show, de Galder Varas, coma da gala Humoris Causa, na que se atoparán por vez primeira, xuntos nun escenario, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Goyo Jiménez e Sílvia Abril. Tampouco quedan localidades dispoñibles para o pase de La ruina programado para as 12.30 horas do sábado 4 de maio, polo que a dirección do EMHU aposta por unha nova función, que terá lugar na mesma xornada, pero ás 18.00 horas. O show presentado por Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, e que en cada pase conta cunha figura convidada, destaca por facer activa a participación do público, ao que invitan a compartir, previamente, as súas “ruínas”. Durante o espectáculo, os cómicos convidan a unha selección de asistentes a dar conta das súas situacións máis vergoñentas, ata escoller e premiar a máis destacada de todas.

Outra das propostas que está a piques de contar con todas as butacas ocupadas no Teatro Colón é Celebreixon, a estrea en solitario nos teatros do icónico Roberto Vilar; polo que a organización do evento ofrecerá desde este xoves 1 a posibilidade de adquirir as entradas para unha nova función ás 17.30 horas da tarde do domingo 28 de abril.

Dez espectáculos de gran nivel

O Encontro Mundial de Humorismo, promovido polo Concello, celebrarase na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio. Neste 2024, o Encontro Mundial de Humorismo contará coa presenza das grandes figuras da comedia galega e estatal, como son Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e As R(h)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro).

A programación de pago do EMHU contará con dez espectáculos que terán lugar en cinco recintos culturais. As sedes serán o Coliseum, no que estará Juan Dávila; o Teatro Colón, que acollerá boa parte do programa -Celebreixon, Go Home, Esto no es un show, La nueva normalidad, La ruina e a gala de clausura Fantastic Colofon-; o auditorio do Palexco, no que se darán cita as Mentes peligrosas de Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez; a sede de Afundación, na que actuará a arxentina Dalia Gutmann; e o Pazo da Ópera, que acollerá o sábado 4 de maio a gala Humoris Causa. O cartel do evento completarase cunha programación de actividades paralelas, dirixidas a distintos públicos, que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. Para máis información, pódese visitar o espazo web oficial www.emhu.es.